Partido Comunista Italiano

Partido Comunista Italiano
Partito Comunista Italiano
Logo Italian Communist Party
Dirixentes e organización
LíderPresidentes

Secretario Xeral
MocidadesFederación Xuvenil Comunista Italiana
Filiación internacionalInternacional
III Internacional (1921-1943)
Kominform (1947-1956)
Europea
Grupo Comunista (COM)
Historia
Fundación21 de xaneiro de 1921 (como PCd'I)
15 de maio de 1943 (como PCI)
Disolución3 de febreiro de 1991
Posicións políticas
IdeoloxíaComunismo
Socialismo democrático
Eurocomunismo
Internacionalismo
Posición políticaEsquerda
Representación
Deputados
227 / 630
Senadores
116 / 315
Europarlamentarios
27 / 81
Outros datos
SedeItalia Rúa de Botteghe Oscure número 4, Roma, Italia
PublicaciónL'Unità

O Partido Comunista Italiano (PCI) foi un importante partido político de Italia no século XX, situado na esquerda política. Naceu en xaneiro de 1921, en Livorno, como Partido Comunista de Italia (PCd'I, sección italiana da III Internacional) da man principalmente de Amadeo Bordiga e Antonio Gramsci, mediante unha escisión á esquerda do Partido Socialista Italiano no XVII Congreso socialista.

Só catro anos despois da súa fundación, en 1925, foi ilegalizado polo réxime fascista de Benito Mussolini e, durante case dúas décadas, pasou á clandestinidade e os seus militantes foron perseguidos. Ademais, sufriu desencontros coa Internacional Comunista nas décadas de 1920 e 1930. En xullo de 1943, coa caída do goberno de Mussolini, é refundado, esta vez baixo o nome de Partido Comunista Italiano (PCI). Durante a Segunda Guerra Mundial, centos de miles de militantes comunistas combaterían nas filas da resistencia italiana contra a República Social Italiana e a Alemaña nazi.[1] Tras a guerra, o PCI xurdiu como o maior partido do país, con máis de dous millóns de afiliados e un gran prestixio. O seu líder, Palmiro Togliatti, puxo en funcionamento unha política de cooperación co resto de partidos democráticos, o que lle permitiu ter grande influencia na creación das institucións da nova república.

Tras participar con varios ministros no goberno italiano, foi expulsado deste en 1947 para facilitar que Italia ingresase no bloque prol estadounidense e anos máis tarde na OTAN. Desde entón e até a súa disolución, ao longo de catro décadas, foi o segundo partido máis votado en Italia e, aínda que sempre estivo na oposición a nivel nacional, era o partido máis votado en moitas zonas do norte e centro de Italia. Fiel aos postulados soviéticos até ben entrada a década de 1970, a partir de entón pasaría a defender, dentro do comunismo, o chamado eurocomunismo, do mesmo xeito que outros partidos comunistas en Occidente, como o francés ou o español.[2] Até a década de 1960 foi o maior partido comunista de Occidente, ata que, tras a violenta desarticulación do Partido Comunista de Indonesia, se converteu no maior partido comunista do mundo capitalista.

Electoralmente, os seus apoios oscilaron entre un cuarto e un terzo do electorado, a pesar da presión e o desprestixio ao que foi sometido pola dereita italiana e a OTAN a través da operación Gladio.[3] En 1984 ocorrerían dous eventos históricos na historia do partido: o funeral de Enrico Berlinguer, que sacou ás rúas de Roma a máis dun millón de persoas nunha das maiores demostracións de forza do movemento comunista italiano.[4] Días despois, as eleccións ao Parlamento Europeo de 1984, cando, nunhas eleccións históricas, o Partido Comunista Italiano foi o partido máis votado en Italia, recibindo preto de 12 millóns de votos e converténdose no segundo partido comunista en Europa en gañar unhas eleccións plurais e democráticas. Dous anos despois da caída do bloque socialista, autodisolveuse no seu XX Congreso. Os seus partidos sucesores foron o Partido Democrático da Esquerda, socialdemócrata, e o Partido da Refundación Comunista, comunista.

  1. Pavone, Oliva, C. G. Una guerra civile, La resistenza, passim. pp. 169–412. 
  2. "¿Quién creó el Eurocomunismo?". Libertad Digital. 
  3. Tim Weiner, Legacy of Ashes, p. 27.
  4. "Funeral de Enrico Berlinguer". 

Developed by StudentB