A paz[1] (do latín pax = Absentia Belli) é xeralmente definida como un estado de calma ou tranquilidade, unha ausencia de perturbacións ou axitación, violencia, liorta ou guerra. Pode entenderse no sentido individual (paz interior, tranquilidade) ou tamén mundial (ausencia de conflitos bélicos).
Pode ser clasificada segundo varios criterios, por exemplo paz positiva e negativa.[Cómpre referencia]
O concepto de paz está na orixe etimolóxica dos saúdos: shalom en hebreo e salam en árabe significan «paz» ou «a paz estea contigo ou convosco», e tamén se empregan como despedida, significando entón vai (ou ide) en paz; salve, o saúdo latino, é un desexo de saúde, concepto tamén moi relacionado. O saúdo da paz ou bico da paz é unha parte da misa na que os asistentes "se dan a paz". Wolfgang Dietrich no seu proxecto de investigación que levou ao libro The Palgrave International Handbook of Peace Studies (2011) analizou os significados de paz en diferentes linguas e diferentes rexións arredor do mundo. Máis tarde, en Interpretations of Peace in History and Culture (2012), agrupou os diferentes significados de paz en cinco familias: enerxética/harmonía, moral/xustiza, moderna/seguridade, posmoderna/verdade e transracional, síntese das faces positivas das catro familias previas.
No dereito internacional, o estado de paz é aquel no que os conflitos internacionais se resolven de forma non violenta, e particularmente denomínase "paz" o convenio ou tratado que pon fin á guerra. Existe unha rama do estudo das Relacións Internacionais denominada irenoloxía ou estudos da paz e dos conflitos.
A antropoloxía tradicional (xa desbotada) consideraba que unicamente o estado civilizado da evolución cultural consideraba a paz dunha forma positiva e que os estados de salvaxismo e barbarie supuñan unha preferencia cultural pola guerra, considerando unha forma honrosa de vida saquear outros pobos, exaltando as virtudes guerreiras e en casos extremos ritualizando a antropofaxia. Deste xeito describíanse os costumes dalgúns pobos chamados primitivos, xustificando así a súa colonización, e mantíñanse a memoria historiográfica dalgúns pobos históricos como os viquingos ou os hunos e dalgunhas épocas históricas consideradas "escuras" como a alta idade media. De xeito oposto deseñouse o mito do "bo salvaxe", que en ausencia de desenvolvemento cultural mostraría unha total ausencia de violencia.
O día 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar da Paz e da Non Violencia, en lembranza do asasinato de Gandhi neste día de 1948 [2].