Pedro o Grande (en ruso: Пётр Вели́кий, Pyotr Velikiy), Pedro I (en ruso: Пётр I, Pyotr I) ou Pedro Alekséyevich (en ruso: Пётр Алексе́евич, nado o 9 de xuño de 1672 e finado o 8 de febreiro de 1725, foi Tsar de todas as Rusias desde 1682, e o primeiro Emperador de todas as Rusias desde 1721 ata a súa morte en 1725. Reinou conxuntamente co seu medio irmán Iván V ata 1696. A partir deste ano, Pedro foi un monarca absoluto que seguiu sendo a máxima autoridade. Os seus métodos eran a miúdo duros e autocráticos.
A maior parte do reinado de Pedro foi consumido por longas guerras contra os imperios otomán e o sueco. A pesar das dificultades iniciais, as guerras acabaron sendo un éxito e conduciron á expansión cara a os mares Azov e o Báltico, sentando así as bases da Armada Imperial Rusa. A súa vitoria na Gran Guerra do Norte puxo fin á era de Suecia como gran potencia e o seu dominio na rexión do Báltica, á vez que elevou a posición de Rusia ata o punto de que chegou a ser recoñecida como imperio. Pedro liderou unha revolución cultural que substituíu algúns dos sistemas sociais e políticos tradicionalistas e medievais por outros modernos, científicos, occidentalizados e baseados na ilustración radical.[1]
En 1700, introduciu o calendario gregoriano, pero a Igrexa ortodoxa rusa resistiuse especialmente a este cambio; querían manter a súa identidade propia e evitar parecer influídos polas prácticas católicas.[Cómpre referencia] En 1703, presentou o primeiro xornal ruso, Sankt-Peterburgskie Vedomosti, ordenou a escritura civil, deseñada por el mesmo e converteuse no principal colaborador. Fundou, en maio de 1703, a cidade de San Petersburgo a beiras do Nevá como "xanela a Occidente". En 1712, Pedro trasladou a capital de Moscova a San Petersburgo, onde permaneceu -cunha breve interrupción- ata 1918. Promoveu a educación superior e a industrialización no Imperio ruso.
Pedro tiña un gran interese polas plantas, os animais e os minerais, polas criaturas malformadas ou as excepcións á lei da natureza para o seu gabinete de curiosidades. Fomentou a investigación das deformidades, tratando en todo momento de acabar co medo supersticioso aos monstros.[2] A Academia Rusa das Ciencias e a Universidade Estatal de San Petersburgo fundáronse en 1724, un ano antes da súa morte.
A Pedro atribúeselle principalmente a modernización do país, transformándoo nunha gran potencia europea. As súas reformas administrativas, a creación dun Senado de Goberno en 1711, o Collegium en 1717 e a Táboa de Rangos en 1722, tiveron un impacto duradeiro en Rusia, e moitas institucións do goberno ruso remontan as súas orixes ao seu reinado.