Pictos

Pedra picta en Escocia, que representa unha aguia
A pedra de serpe de Aberlemno, amosando (de arriba a abaixo), a serpe, o disco dobre, o símbolo en Z e o espello
Placa de prata de Norrie's Law, Fife, con disco dobre e o símbolo en Z

Pictos (latín picti) é o nome que se lle dá aos antigos caledonios que vivían na moderna Escocia. Foron un grupo de pobos celtas da Idade de Ferro británica e o baixo medievo que viviron no leste e no norte de Escocia.[1] Ammiano Marcelino preséntaos divididos en dúas tribos en tempos do emperador Flavius Iulius Constante: os dicalidóns (dicalidonae) e os verturións (verturiones) e aliados cos attacoti (do gaélico athach tuatha, que significa pobo ou xente que paga rendas, oposto a xente ceibe) e cos escotos. O seu nome significaba "pintado" e debíase ao costume dos caledonios de pintarse para o combate. Pictia ou Pictavia (Pictland en inglés) convértese no reino de Alba (Escocia) durante o século X, co que os pictos pasan a ser coñecidos como Albannach ou escoceses.

Hai unha asociación coa distribución xeográfica de fíbulas, nomes de lugares britónicos e pedras pictas. Os pictos son rexistrados desde antes da conquista romana de Britania ata o século X, momento no que se pensa que se mesturaron cos Gaels. Vivían ó norte dos ríos Forth e Clyde, e falaban a extinta lingua picta, a cal se pensa que estaba relacionada coas linguas britónicas faladas polos pobos do sur. Asúmese que son os descendentes dos antigos Caledonii e outras tribos nomeadas polos historiadores romanos, atopados tamén no mapamundi de Tolomeo. Pictia ou Pictavia, mesturouse gradualmente co reino gaélico de Dál Riata para formar o Reino de Alba (Escocia). Alba expandiuse, absorbendo os reinos de Strathclyde e Lothian, e no século XI, a identidade dos pictos foi incluída na amálgama de pobos que son os escoceses.

A arqueoloxía dá algunhas aproximacións sobre a sociedade dos pictos. A pesar de que sobreviviu moi pouco da súa forma de escritura, a historia deste pobo, a partir do século IV, é coñecida por unha gran variedade de fontes, incluíndo haxiografías como a de San Columba de Iona, así como varios Anais irlandeses. Aínda que a impresión popular sobre os pictos pode ser a dun pobo escuro e misterioso, non é así en absoluto. A historia e a sociedade pictas son semellantes ás dos pobos de Europa Central, Setentrional ou Oriental na Antigüidade ou na Alta Idade Media cando son comparados con eles.

  1. Foster 1996. p. 11-13.

Developed by StudentB