En ecoloxía denomínase plancto[1] ao conxunto de organismos de moi pequeno tamaño, principalmente microscópicos, que viven nas augas salgadas ou doces e que, por seren incapaces de nadar contra a corrente, flotan e son arrastrados polas correntes.[2]
O plancto tipicamente flúe coas correntes de auga. Mentres que algunhas formas son capaces de realizar movementos independentes e poden nadar verticalmente centos de metros nun só día (comportamento denominado migración vertical diaria), a súa posición horizontal está determinada principalmente polas correntes.
Isto fai que se distinga do necto, o conxunto de organismos que son nadadores activos; do bentos, conxunto dos organismos que habitan o fondo dos ecosistemas acuáticos, e do neusto, conxunto dos organismos que viven na interface ou límite da auga co aire, é dicir, na superficie.
Os organismos que forman o plancto comprenden a todos os animais, plantas, archaea, algas, e bacterias que habitan na zona peláxica de océanos, mares, lagos, ríos ou outros corpos de auga. É dicir, o plancto defínese polo seu nicho ecolóxico, non pola clasificación taxonómica ou filoxenética.
Os organismos que o compoñen proporcionan unha fonte crucial de alimentos a moitos outros organismos acuáticos, grandes ou pequenos, como peixes e baleas, entre outros.