As proteases, tamén chamadas peptidases, proteinases ou encimas proteolíticos, (EC 3.4) son encimas que rompen enlaces peptídicos entre os aminoácidos das proteínas, orixinando péptidos máis pequenos ou aminoácidos libres. O proceso chámase clivaxe ou rotura proteolítica, un mecanismo común de activación ou inactivación de encimas implicado principalmente na dixestión e na coagulación sanguínea. Como se utiliza no proceso unha molécula de auga, as proteases clasifícanse como hidrolases.
As peptidases constitúen unha grande familia, dividida en endopeptidases e exopeptidases, de acordo coa posición do enlace peptídico que vai ser roto na cadea peptídica.
As endopeptidases actúan preferentemente nas rexións internas da cadea polipeptídica, situadas entre as rexións N-terminal e C-terminal. A presenza de grupos α-amino ou α-carboxilo ten un efecto negativo na actividade do encima.
As exopeptidases actúan soamente nos extremos das cadeas polipeptídicas na rexión N- ou C-terminal. Aquelas que actúan na rexión amino terminal libre liberam un único residuo de aminoácido (aminopeptidases), un dipéptido (dipeptidil-peptidases) ou un tripéptido (tripeptidil-peptidases). As exopeptidases que actúan na rexión carboxilo terminal libre liberan un único aminoácido (carboxipeptidases) ou un dipéptido (peptidil-dipeptidases).