Proxecto Manhattan

Distrito Manhattan
A proba Trinity do Proxecto Manhattan, a primeira detonación dunha arma nuclear.
Activa1942–1946
Disolta15 de agosto de 1947
Países Estados Unidos
 Reino Unido
 Canadá
RamaCorpo de Enxeñeiros do Exército dos Estados Unidos
Gornición/Cuartel xeralOak Ridge, Tennessee
Aniversarios13 de agosto de 1942
Enfrontamentos
Comandantes
Comandantes notablesJames C. Marshall
Kenneth Nichols
Insignias
Parche de ombreiro adoptado en 1945
Emblema non oficial

O Proxecto Manhattan (inglés: Manhattan Project) foi un proxecto de investigación e desenvolvemento levado a cabo durante a segunda guerra mundial que produciu as primeiras armas nucleares, liderado polos Estados Unidos co apoio do Reino Unido e do Canadá. Dende 1942 ata 1946 o proxecto estivo baixo a dirección do xeneral maior Leslie Groves do Corpo de Enxeñeiros do Exército dos Estados Unidos, mentres que o físico nuclear Robert Oppenheimer foi o director do Laboratorio de Los Alamos no que se deseñaron as propias bombas nucleares. A compoñente do exército deste proxecto recibiu a designación de Distrito Manhattan (inglés: Manhattan District), nome que gradualmente substituíu o nome en clave oficial, Desenvolvemento de Materiais Substitutos (inglés: Development of Substitute Materials). Durante o seu curso o proxecto absorbeu a súa contrapartida británica previa, o proxecto Tube Alloys. O Proxecto Manhattan comezou de forma modesta, medrando progresivamente ata ter máis de 130 000 empregados e acadar un custo de case 2 000 millóns de dólares.[a] Máis do 90% do orzamento destinouse á construción de fábricas e á produción de materiais fisibles, con menos do 10% destinado ó desenvolvemento e produción de armas. A investigación e produción tivo lugar en máis de 30 localizacións por todos os Estados Unidos, Reino Unido e o Canadá.

Desenvolvéronse dous tipos de bombas atómicas de forma concorrente durante a guerra: unha arma de fisión de tipo balístico relativamente sinxela e unha arma nuclear de implosión de maior complexidade. O deseño de fisión da bomba Thin Man resultou ser pouco práctico para o seu uso con plutonio, polo que se desenvolveu unha arma máis sinxela denominada Little Boy que utilizaba uranio-235, un isótopo que constitúe só o 0,7% do uranio en estado natural. Os traballadores do proxecto tiveron dificultades para separar este isótopo do uranio-238 por mor das súas semellanzas químicas e de masa. Empregaron tres métodos para o enriquecemento de uranio: mediante o uso de calutróns, por difusión gasosa e por termoforese. A maioría destes traballos leváronse a cabo nas instalacións Clinton Engineer Works en Oak Ridge, Tennessee.

En paralelo co traballo no uranio o proxecto continuou os traballos de produción de plutonio. Tras quedar demostrada a viabilidade do primeiro reactor nuclear artificial do mundo en Chicago no Laboratorio Metalúrxico, deseñouse o reactor de grafito X-10 en Oak Ridge, e os reactores de produción nas instalacións de Hanford Engineer Works, nos que o uranio irradiábase e transmutábase en plutonio, para posteriormente separar quimicamente o plutonio do uranio. A arma nuclear de implosión Fat Man desenvolveuse por medio dun deseño e desenvolvemento concertado no Laboratorio de Los Alamos.

O proxecto realizou tamén tarefas de contraintelixencia sobre o proxecto alemán de armas nucleares. Por medio da operación Alsos varios membros do Proxecto Manhattan serviron en Europa, en ocasións tralas liñas inimigas, apoderándose de materiais nucleares e documentación e trasladando a científicos alemáns cara a países Aliados. Por outra banda, malia a férrea seguridade do proxecto, varios espías atómicos soviéticos conseguiron infiltrarse no programa.

O primeiro artefacto nuclear detonado foi unha bomba de implosión na proba Trinity, realizada no Campo de tiro e bombardeo de Alamogordo o 16 de xullo de 1945. Dúas outras bombas de tipo Little Boy e Fat Man utilizáronse respectivamente un mes despois no bombardeo atómico de Hiroshima e Nagasaki. Nos anos inmediatamente posteriores á guerra o Proxecto Manhattan levou a cabo varias probas de armamento no atol Bikini como parte da operación Crossroads, desenvolveu novas armas, promocionou o desenvolvemento da rede de laboratorios nacionais, apoiou a investigación médica sobre a radioloxía e cimentou as bases da armada nuclear. O proxecto mantivo o control sobre a investigación e produción de armas nucleares estadounidenses ata a formación da Comisión da Enerxía Atómica dos Estados Unidos en xaneiro de 1947.

  1. Johnston, Louis; Williamson, Samuel H. (2017). "What Was the U.S. GDP Then?". MeasuringWorth. Consultado o 28 de xullo de 2017. 


Erro no código da cita: As etiquetas <ref> existen para un grupo chamado "lower-alpha", pero non se atopou a etiqueta <references group="lower-alpha"/> correspondente


Developed by StudentB