O ragtime é un estilo musical norteamericano que tivo o seu máximo auxe entre 1899 e 1918. Houbo varios períodos de rexurdimento da súa popularidade e aínda se compón hoxe en día. O ragtime foi a primeiro xénero verdadeiramente afro-norteamericano e precedeu ó jazz. Comezou coma música de baile das bandas populares anos antes de ser publicado en partituras de música popular para piano. Sendo unha modificación da marcha, moi popular daquela, adóitase escribir en 2/4 ou 4/4, decote cun padrón predominante de baixo na man esquerda nos tempos impares e acordes nos pares acompañando unha melodía asincopada na man dereita. A unha composición neste estilo chámaselle "rag". Un rag escrito en 3/4 é un "ragtime waltz".
O ragtime non é un compás (tempo) no mesmo sentido no que a marcha é 2/4 e o waltz é 3/4, senón que emprega un efecto aplicable á música en calquera compás. A característica máis salientable do ragtime é un tipo específico de síncope na que os acentos melódicos caen entre os tempos do compás. Isto crea melodías que semellan fuxir dalgúns tempos do acompañamento enfatizando notas que preceden ou seguen ó tempo. O efecto pretendido sobre o oínte é acentuar os tempos, inducíndoo a moverse cara a música. Scott Joplin, o compositor e pianista coñecido coma o "Rei do Ragtime", calificou este efecto coma "estraño e intoxicante". Tamén empregou o termo swing para describir como tocar o ragtime: "Toca a modo ata que collas o swing ...". (Joplin, School of Ragtime, 1908). O nome swing aplicaríase despois a un xénero primixenio de jazz desenvolvido dende o ragtime. En inglés, o feito de converter unha peza musical nun ragtime trocado os valores dos tempos das notas da melodía coñécese coma "ragging" a peza. Os ragtimes orixinais adoitan conter varios temas diferentes, sendo o máis común catro.
De acordo co New Grove Dictionary of Jazz, a forma musical foi orixinalmente chamada "ragged time" e logo derivaría a "ragtime".