Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2015.) |
Joseph Rudyard Kipling, nado en Mumbai (daquela Bombai) o 30 de decembro de 1865 e finado en Londres o 18 de xaneiro de 1936, foi un escritor e poeta británico nado na India. Autor de relatos, contos infantís, novelista e poeta, é lembrado polos seus relatos e poemas sobre os soldados británicos na India e a defensa do imperialismo occidental así como polos seus contos para rapaces.
Algunhas das súas obras máis populares son a colección de relatos O libro da selva (1894), a novela de espionaxe Kim (1901), o relato curto "O home que puido reinar" (The Man Who Would Be King, 1888), publicada orixinalmente no volume The Phantom Rickshaw, ou os poemas "Gunga Din" (1892) e "If" (1895). Varias das súas obras leváronse ao cinema.
Masón, foi poeta de renome no seu tempo e foi galardoado co premio nacional de poesía Poet Laureateship en 1895, a Order of Merit e o título de cabaleiro da Orde do Imperio Británico (en tres ocasións), honras que rexeitou. Porén aceptou o Premio Nobel de Literatura de 1907, do que foi o primeiro gañador británico e o máis novo ata a data.