Rugby

O rugby[1] é un deporte de contacto orixinario de Inglaterra no cal se enfrontan dous equipos nun terreo de xogo rectangular co obxectivo de anotar puntos cun balón ovalado. Os puntos poden acadarse pousando o balón coas mans na zona de ensaio rival ou pasando o balón co pé entre dous paus. Existen varias modalidades de rugby que se diferencian principalmente pola cantidade de xogadores que compoñen cada equipo, chamándoselle rugby en Galicia ó rugby union por ser a única disciplina que conta con practicantes, equipos, competicións e federación na comunidade autónoma. Esta é a modalidade máis estendida no mundo, e a súa característica principal é que os equipos contan con quince xogadores cada un.

O deporte do rugby toma o seu nome da cidade inglesa na que naceu, sendo a súa orixe as primitivas regras do fútbol escritas no Rugby School no século XIX. Nos tempos actuais a súa práctica está moi estendida nas Illas Británicas, en países con pasado colonial británico como Australia, Suráfrica e Nova Zelandia, e noutros países como Francia, Italia e a Arxentina. Outros países como Estados Unidos, Canadá, Xapón, Samoa, Fidxi, Tonga, Uruguai, Namibia, Xeorxia ou Romanía tamén participan frecuentemente en torneos internacionais de primeiro nivel como a Copa do Mundo de Rugby, que se disputa cada catro anos. Outros torneos de grande importancia a nivel de seleccións nacionais son o Seis Nacións e o Rugby Championship que se disputan cada ano. A nivel de clubs os torneos máis salientables son o Super Rugby e a Champions Cup.

A entidade reguladora do rugby a nivel mundial e a World Rugby, fundada en 1886, e cuxa sede está en Dublín (Irlanda).

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rugby.

Developed by StudentB