Sol

Sol ☉
Datos astronómicos
Distancia media á Terra 149 597 870,610 km
Brillo aparente (V) -26,8m
Brillo absoluto 4,8m
Características físicas
Diámetro 1 392 000 km
Diámetro relativo (dS/dT) 109
Área da superficie 6,09 × 1012 km²
Volume 1,41 × 1027
Masa 1,9891 × 1030

kg

Masa en relación á Terra 333 400
Densidade media 1411 kg m-3
Densidade en relación á Terra 0,26
Densidade en relación á auga 1,409
Gravidade na superfície 274 n s-2
Gravidade relativa (superfície) 27,9 g
Temperatura na superficie 5506,85 °C
Temperatura da coroa 5 × 106 °C
Luminosidade (LS) 3,827 × 1026 J s-1
Características orbitais
Período de rotación  
No ecuador: 27d 6h 36m
A 30° latitude: 28d 4h 48m
A 60° latitude: 30d 19h 12m
A 75° latitude: 31d 19h 12m
Período de translación en
torno ao centro da Galaxia
2,2 × 108 anos
Composición da fotosfera
Hidróxeno 73,46 %
Helio 24,85 %
Osíxeno 0,77 %
Carbono 0,29 %
Ferro 0,16 %
Neon 0,12 %
Nitróxeno 0,09 %
Silicio 0,07 %
Magnesio 0,05 %
Xofre 0,04 %

O Sol é unha estrela de tamaño medio, en relación ao conxunto da nosa galaxia, a Vía Láctea, arredor da cal gravitan a Terra e mailos outros membros do noso sistema planetario[1]. É unha estrela de tipo espectral G2, constituíndo a fonte primaria de enerxía electromagnética do sistema planetario.[1]. A súa masa é de 333 000 veces a da Terra e o seu volume 1 400 000 veces. A distancia do noso planeta ao Sol é de preto de 150 millóns de quilómetros (1 Unidade astronómica, definida como a distancia media Terra-Sol, 149 600 000 km), tardando a súa luz en chegar ata nós case oito minutos e vinte segundos. Por si só representa o 98,6% da masa do Sistema Solar. A súa enerxía, en forma de luz solar, alimenta case todos os xeitos de vida na Terra a través da fotosíntese, así como determina o clima terrestre e a meteoroloxía no noso planeta.

Visto dende a Terra, o Sol presenta unha estrutura granulosa e o seu brillo non é uniforme, sendo o bordo menos brillante que a parte central do disco solar. As capas exteriores do Sol divídense en: fotosfera, a máis profunda, con preto de 300 km de espesura e unha temperatura mínima de 6 000 Kelvin; a cromosfera, con preto de 8 000 km de espesura, de onde emerxen enormes chorros luminosos, as protuberancias, que chegan a acadar 800 000 km de altura, e maila coroa, cunha altura de 1 millón de quilómetros e unha temperatura de 1 millón de K.

A rotación do sol, enorme masa gasosa, fai que se note un achatamento nos polos.

A temperatura interna acada 20 millóns de K. Presúmese que o Sol ten 4 600 millóns de anos de idade, e pola secuencia principal do Diagrama de Hertzsprung-Russell, pódese considerar unha estrela anana. O seu "imperio" - o Sistema Solar - comprende 8 planetas, 1 600 asteroides, 32 satélites e un gran número de cometas, cun volume que corresponde a unha esfera duns dous anos luz de raio, pois as estrelas máis próximas están a unha distancia duns 4 anos luz. As súas magnitudes características (aproximadas) son un diámetro de 1 390 000 km; superficie: 1 940 000 km²; volume: 2 700 000 millóns de km3; masa: 2 · 1030 kg; velocidade absoluta (en relación ao centro da Vía Láctea): 216 km/s; velocidade relativa (en relación ás estrelas máis próximas): 19 km/s.

É a estrela do sistema planetario no que se atopa a Terra e, con moito, o astro con maior brillo aparente. A súa visibilidade no ceo local determina, respectivamente, o día e a noite en diferentes rexións de diferentes planetas. Na Terra, a enerxía radiada polo Sol é aproveitada polos seres fotosintéticos, que constitúen a base da cadea trófica, constituíndo así a principal fonte de enerxía da vida. Tamén achega a enerxía que mantén en funcionamento os procesos climáticos.

Malia de ser unha estrela mediana (aínda así, máis brillante que o 85% das estrelas existentes na nosa galaxia), é a única da que se pode apreciar a forma a ollo nu, cun diámetro angular de 32' 35" de arco no perihelio e 31' 31" no afelio (diámetro medio = 32' 03"). A relación de tamaños e distancias de Sol e Lúa é tal que se ven case co mesmo tamaño aparente no ceo, permitindo unha gama de eclipses solares distintos (totais, anulares ou parciais).

  1. 1,0 1,1 http://www.solarviews.com/eng/solarsys.htm Arquivado 02 de maio de 2007 en Wayback Machine. ; The Solar System, acceso 8 de maio de 2009 en Solarviews.com: "The planets, most of the satellites of the planets and the asteroids revolve around the Sun in the same direction, in nearly circular orbits"

Developed by StudentB