Telnet

TELNET (Telecommunication Network) é un protocolo de rede usado en Internet ou en conexións de redes de área local LAN . O documento STD 8 do IETF (vexa RFC 854 e RFC 855) establece: "o propósito do protocolo TELNET é prover dunha comunicación binaria de propósito xeral, bidireccional, de 8 bits".

Telnet é tamén o nome do programa informático que utiliza o usuario do protocolo de rede Telnet.

Telnet serve para acceder mediante unha rede a outra máquina, para manexala como se estivésemos sentados diante dela. Para que a conexión funcione, como en todos os servizos de internet, a máquina á que se accede debe ter un programa especial que reciba e xestione as conexións. O porto que se utiliza xeralmente é o 23[1].

Só serve para acceder en modo terminal, é dicir, sen gráficos, mais foi unha ferramenta moi útil para depurar e arranxar erros a distancia, sen necesidade de estar fisicamente no mesmo sitio que a máquina que os tiña. Tamén se usaba para consultar datos a distancia, como datos persoais en máquinas accesíbeis por rede, información bibliográfica etc.

O seu maior problema é de seguridade, xa que todos os nomes de usuario e contrasinais necesarios para entrar nas máquinas viaxan pola rede como texto plano (cadeas de texto sen cifrar). Isto facilita que calquera que espíe o tráfico da rede poida obter os nomes de usuario e contrasinais, e así acceder el tamén a todas esas máquinas. Por esta razón deixou de usarse, case totalmente, hai uns anos, cando apareceu e se popularizou o SSH, que se pode describir como unha versión cifrada de telnet.

Hoxe en día este protocolo tamén se usa para acceder aos BBS, que inicialmente eran accesíbeis unicamente cun módem a través da liña telefónica. Para acceder a un BBS mediante telnet é necesario un cliente de que soporte gráficos ANSI e protocolos de transferencia de ficheiros. Os gráficos ANSI son moi usados entre os BBS. Cos protocolos de transferencia de ficheiros (o máis común e o que mellor funciona é o ZModem) poderás enviar e recibir ficheiros do BBS, xa sexan programas ou xogos ou xa sexa o correo do BBS (correo local, de FidoNet ou outras redes).

Algúns clientes de telnet (que soportan gráficos ANSI e protocolos de transferencias de ficheiros como Zmodem e outros) son mTelnet!, NetRunner, Putty, Zoc, ...

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2018. Consultado o 16 de xaneiro de 2018. 

Developed by StudentB