Tempo Medio de Greenwich

O Tempo Medio de Greenwich ou GMT (Greenwich Mean Time) é o tempo solar medio no Observatorio Real de Greenwich, en Greenwich, preto de Londres, Inglaterra, que por convención está a 0 graos de lonxitude.

Durante moitos anos os reloxos máis precisos que existían eran o movemento da Terra ao redor do seu eixo e ao redor do Sol. A partir deles definíase todo o demais relacionado co tempo. Unha volta da Terra ao redor do Sol era un ano, unha volta da Terra sobre si mesma era un día, que se dividía en 24 horas, a hora en 60 minutos e o minuto en 60 segundos. En 1900 definiuse un segundo 1/86.400 dun día solar medio.

Isto era suficientemente preciso para as actividades cotiás, pero aos poucos foise observando que a Terra non era o mellor reloxo. As mareas fan diminuír o seu xiro con certa regularidade pero, ademais, hai outras influencias que fan que a duración dese xiro non sexa constante. As diferenzas non afectan a vida cotiá pero si poden afectar a precisión da navegación ou a posición dos satélites artificiais, por exemplo.


Developed by StudentB