Wikipedia:Citar as fontes

Para ler unha introdución dos aspectos máis básicos sobre como citar, véxase Wikipedia:Guía/Fontes.

Unha cita ou referencia é unha liña de texto que identifica de xeito único unha fonte:

Ritter, Ron. The Oxford Style Manual. Oxford University Press, 2002, p. 1.

Na Wikipedia, cómpre citar as fontes para axudar ao lector a verificar os contidos do artigo e a atopar máis información. As citas son unha parte importante de calquera artigo da Wikipedia, xa que serven para identificar as fontes acreditadas nas que se basea. Na maioría dos casos, as citas sobre pezas específicas de información contida no artigo achéganse en forma de notas ao pé. Estas citas aparecen numeradas ao longo de todo o corpo do artigo e reciben o nome de citas en liña co texto.

A política de verificabilidade da Wikipedia esixe estas citas en liña cando haxa algún material cuestionable ou suxeito a selo, e para todas as citas textuais. Con todo, aconséllase aos editores engadir referencias para calquera material engadido.

Esta páxina contén información sobre a colocación e o formato das citas. A situación ideal é que cada artigo utilice o mesmo método de cita en todo o seu corpo. Non obstante, o máis importante sempre é achegar a suficiente información para identificar a referencia. Os detalles de formato pódense mellorar máis tarde, se fose necesario.


Developed by StudentB