Esta páxina contén políticas e normas oficiais da Galipedia. Ten unha ampla aceptación entre os editores desta Wikipedia e considérase un estándar que todos os usuarios deben seguir. Agás para edicións pequenas, por favor, use a páxina de conversa para propoñer cambios nestas directrices. |
Esta páxina en resumo: Os demais teñen que ser capaces de comprobar que as cousas escritas non están inventadas. Isto significa que todas as citas e calquera material cuestionable debe atribuírse a algunha fonte fiable e publicada mediante unha cita. |
A verificabilidade na Wikipedia significa que o lector teña a posibilidade de consultar fontes citadas que apoien directamente a información contida no artigo. Toda a información presente na Wikipedia debe ser verificable, pero que algo sexa verificable non basta para incluílo na enciclopedia. Isto é, hai outras políticas que toman parte nos contidos que deben ir na Wikipedia e non deben considerarse separadamente.
Ten que ser posible atribuír a información da Wikipedia a fontes acreditadas que sexan as apropiadas segundo os contidos en cuestión. Con todo, na práctica é unicamente necesario achegar referencias para as citas textuais e para calquera información suxeita a ser cuestionable. As citas axeitadas garanten que o material non é un traballo orixinal e permiten aos lectores e editores comprobar o material fonte por si mesmos. As afirmacións que necesiten citas e non conten con ningunha poden ser eliminadas. Os materiais polémicos sen referenciar sobre persoas vivas deben retirarse de xeito inmediato.
As directrices sobre a verificabilidade, o punto de vista neutral e o feito de non ser unha fonte primaria conforman o núcleo das políticas de contido da Wikipedia. As tres van xuntas e determinan os contidos que pode albergar o proxecto, de modo que os editores deben estar familiarizados cos puntos clave das tres. Ademais, os artigos deben cumprir coas esixencias dos dereitos de autoría.
O máis importante desta política |
---|
|