Xustiza

Alegoría da Xustiza (detalle), do escultor francés Claude Laprade (1702), do Museo Nacional Machado de Castro (Coímbra, Portugal).

A xustiza é o conxunto de regras e normas que establecen un marco axeitado para as relacións entre persoas e institucións, autorizando, prohibindo e permitindo accións específicas na interacción de individuos e institucións.

A xustiza, no seu contexto máis xeral, inclúe a distinción entre que é xusto e o problema filosófico de que é o xusto. O propio concepto de xustiza está baseado en varios ámbitos e moitas visións que difiren entre elas, que inclúen conceptos de corrección moral baseadas na ética, dereito, relixión e equidade. Normalmente, o debate xeral na xustiza está dividido no concepto de xustiza social co seu fundamento na filosofía, teoloxía e relixión. Tamén trata da xustiza procedemental en canto á aplicación xusta da lei.

O concepto de cultura difire en cada cultura. As primeiras teorías sobre a xustiza foron elaboradas polos filósofos da Antiga Grecia, Platón na súa obra A República, e Aristóteles en Ética a Nicómaco. Ao longo da historia diversas teorías ao respecto foron establecidas. Os defensores da teoría da orde divina argumentan que a xustiza provén de Deus. No século XVII, teóricos como John Locke argumentaron en favor da teoría da lei natural. Pensadores da tradición do contrato social defenden que a xustiza se deriva do mutuo acordo de todas as partes involucradas. No século XVIII, pensadores utilitaristas como John Stuart Mill argumentaron que a xustiza é aquilo que trae as mellores consecuencias. As teorías da xustiza distributiva teñen que ver con que se distribúe, entre quen se distribúe, e como é a distribución correcta. Os igualitaristas argumentan que só pode existir xustiza dentro do marco da igualdade. John Rawls empregou o argumento do contrato social para amosar que a xustiza, especialmente a distributiva, é unha forma de xustiza. Os teóricos dos dereitos de propiedade (como Nozick) tamén toman un punto de vista consecuencialista da xustiza distributiva e argumentan que a xustiza baseada nos dereitos de propiedade maximiza a riqueza xeral dun sistema económico. As teorías da xustiza retributiva teñen que ver co castigo polas malas accións. A xustiza restitutiva (tamén chamada ás veces “xustiza reparativa”) é un enfoque á xustiza que se centra na necesidade das vítimas e os ofendidos.

Este conxunto de regras ten un fundamento cultural e na maioría de sociedades modernas un fundamento formal:

  • O fundamento cultural baséase nun consenso amplo entre os individuos dunha sociedade sobre o bo e o malo, e outros aspectos prácticos de como deben organizarse as relacións entre persoas. Suponse que en toda sociedade humana, a maioría dos seus membros ten unha concepción do xusto, e considérase unha virtude social o actuar de acordo con esa concepción.
  • O fundamento formal é o codificado formalmente en varias disposicións escritas, que son aplicadas por xuíces e persoas especialmente designadas, que tratan de ser imparciais con respecto aos membros e institucións da sociedade e os conflitos que aparezan nas súas relacións.

A xustiza foi e segue a ser un tema de debate en diversos ámbitos académicos, como en filosofía ou dereito, así como dende a relixión. Foron numerosos os autores que teorizaron acerca de concepcións propias da xustiza: desde os seus primeiros tratamentos explícitos en Platón e Aristóteles, ata numerosas teorías contemporáneas coma o utilitarismo ou os defensores da propiedade, entre os que destaca Robert Nozick.

Dentro do marco da filosofía política e moral, a xustiza pode ser entendida dende un punto de vista normativo (é dicir, como dar a cada quen o que lle debe corresponder), mais tamén se pode considerar a xustiza como algo con valor en si mesmo, sen determinar o propio contido do termo, estipulando a xustiza como un algo a ser repartido entre as distintas partes que conforman un grupo segundo distintos criterios. Existen, ademais, diferentes tipos de distincións que se fan da xustiza. Un tipo de diferenciación respecto ao concepto de xustiza faise en termos da nosa situación en referencia a aquelas circunstancias consideradas coma relevantes. Desta maneira, diferenciamos:

  • Xustiza non comparativa: dar a cada quen o que lle debe corresponder atendendo ás circunstancias relevantes para o seu caso.
  • Xustiza comparativa: dar a cada quen o que lle debe corresponder atendendo ás circunstancias relevantes para o seu caso en comparación co que lle corresponde a outros individuos nas circunstancias relevantes para o seu.

Outro tipo de diferenciación, de corte máis clásico, distingue entre a xustiza distributiva, retributiva e correctiva:

  • Xustiza distributiva: distribuír a cada quen o que lle debe corresponder.
  • Xustiza retributiva: retribuír a cada quen o que lle debe corresponder, é dicir, facer que quen mereza, polas circunstancias estipuladas, un beneficio ou un prexuízo, o reciba.
  • Xustiza correctiva: devolver a cada quen o que lle debe corresponder. Isto é, repoñer aquelas cousas valiosas que alguén non recibiu e que debería ter sido así, tanto no caso de desfrutalas coma de sofrelas.

Developed by StudentB