Zume

Zume de laranxa.

O zume[1] é o líquido que se pode extraer de plantas e froitas en estado natural a partir de procedementos mecánicos, sen que haxa fermentación, de forma que conservan as propiedades típicas da froita utilizada.[2] A súa preparación pode ser tanto espremendo como macerando froitas do tempo ou hortalizas sen a aplicación de calor ou disolventes. Como exemplo, o zume de laranxa é o líquido extraído do froito da laranxeira. Os zumes pódense preparar en casa con gran variedade de exprimidores eléctricos ou manuais.

Pero tamén poden recibir a denominación de zume outros produtos obtidos a partir de concentrados de froita a partir da adición da auga e os aromas que se perden durante o proceso de concentración. Cando se dá esta situación o produto ten que traer unha etiqueta que indique claramente que foi obtido a partir de concentrado de froita.[2]

Os zumes constitúen unha das bebidas máis populares en todo o mundo. Os zumes máis coñecidos son os dalgunhas froitas como a laranxa, o pexego, a mazá e a uva, entre outros. Os zumes de froitas úsanse para sacar a sede, para hidratar o corpo e polo seu valor nutritivo similar ao das froitas das cales se obteñen.[3] Os zumes pódense vender en forma de concentrado (ás veces conxelados), que requiren que o consumidor engada auga para devolver o líquido ó seu "estado orixinal". Aínda así, os concentrados adoitan ter un gusto bastante diferente ao dos zumes acabados de espremer, a pesar de que nutricionalmente teñen características semellantes.[4]

Algúns líquidos atopados en organismos animais son tamén chamados zume, por exemplo o zume gástrico.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para zume.
  2. 2,0 2,1 Real decreto 1050/2003, de 1 de agosto, polo cal se aproba a Regulamentación tecnicosanitaria de zumes de froitas e outros produtos similares, destinados á alimentación humana. BOE, 1 de setembro do 2003. (en castelán)
  3. Eroski, ed. (Outubro do 2004). "Hidratantes y nutritivos" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22-12-2009. Consultado o 08-08-2009. 
  4. Antonio Ortí. Men's Health, ed. "El zumo de naranja "exprimida" y el procedente de "concentrado" son nutricionalmente iguales". Arquivado dende o orixinal o 21-06-2009. Consultado o 16-08-2009.  Arquivado 21-06-2009 en Wayback Machine.

Developed by StudentB