Neptunismo

Abraham Gottlob Werner (1749 - 1817), fundador do neptunismo.

O neptunismo é unha teoría científica, obsoleta e desbotada, proposta polo xeólogo alemán Abraham Gottlob Werner a finais do século XVIII, que atribuía a orixe das rochas á cristalización de minerais nos océanos, nun período temperán tras a creación. A teoría recibiu o seu nome de Neptuno, o antigo nome latino do deus grego dos mares, Poseidón.

Pouco despois da súa publicación, ao inicio do século XIX a nova proposta desatou un acendido debate entre os partidarios de Abraham Werner e os que crían no plutonismo, unha teoría antagónica, proposta polo xeólogo escocés James Hutton que atribuía a orixe do material xeolóxico á acción dos volcáns.

O plutonismo, convenientemente adaptado, substituiría co tempo ao neptunismo como liña teórica dominante; sobre todo cando, a principios do século XIX, o concepto de uniformismo parecía responder mellor aos descubrimentos alcanzados no campo da xeoloxía.

Actualmente coñécense moitos procesos de formación de rochas, e considérase que o proceso xerador de rochas sedimentarias é bastante similar a aqueles descritos polos defensores do neptunismo.


Developed by StudentB