O modelo de cores RGB é un modelo de cores aditivo[1] no que as cores primarias vermella, verde e azul da luz engádense nun medio escuro mesturándose para reproducir unha ampla gama de cores. O nome do modelo provén das iniciais en inglés das tres cores primarias aditivas, vermello (red), verde (green) e azul (blue).[2]
O principal propósito do modelo de cor RGB é a detección, representación e visualización de imaxes en sistemas electrónicos, como televisores e ordenadores, aínda que tamén se utilizou na fotografía convencional. En contraposición, as impresoras utilizan o modelo CMYK de cores subtrativas.
O RGB é un modelo de cor que depende dun dispositivo para reproducirse. Cada dispositivo detecta e reproduce de maneira distinta un mesmo valor de RGB, xa que os elementos que nos aportan luz e cor (como fósforos ou colorantes) varían dependendo do fabricante ou no mesmo dispositivo ao longo do tempo. Así, un valor RGB non define a mesma cor en todos os dispositivos sen algún tipo de xestión da cor.[3]